Friday 29 de March de 2024

Máis de 6.300 persoas xa desfrutan dos bonos desconto do PRESCO


Esta campaña de incentivos ao comercio, que mobiliza 1.670.000 euros, xa conta con 1.485 comerciantes adheridos: 68% comercios, 21% hostaleiros e 11% da industria cultural

A campaña de incentivos ao comercio, á hostalaría e á cultura que o Concello da Coruña puxo en marcha o pasado 5 de agosto dentro do Plan de reactivación económica e social da Coruña leva 1.485 descargas da APP Comerciantes. Canto ás persoas que xa se descargaron bonos desconto ata o momento, suman un total de 6.315.

Trátase dunha campaña que mobiliza 1.670.000 euros, que chegan de forma directa ao comercio de proximidade, á hostalaría e á industria cultural da cidade, mediante a posta en marcha de bonos desconto: Bono 10 para comercio de proximidade por compras iguais ou superiores a 30 euros e Bono 5 para hostalaría por compras superiores a 20 euros e Bono Cultura co que se poderá acceder a descontos do 40% en produtos culturais a partir dun gasto de 10 euros sen I.V.E. para fortalecer o consumo e a industria cultural.

Ata o momento, o 68% dos establecementos rexistrados son comercios, o 21% negocios de hostalaría e o 11% corresponde ao sector cultural. Segundo o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, trátase “dunha das medidas máis relevantes do Plan de reactivación económica e social da Coruña”. Desde a aparición da COVID-19, o Goberno local leva mobilizados máis de 15 millóns de euros, “unha cantidade superior a calquera outra inversión levada a cabo polo concello en décadas”, asegura.